Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia organiza o próximo 25 de maio unha sesión de coaching para o emprendimiento e a innovación tras a que presentará a súa nova sala de coworking, un espazo de traballo orientado a profesionais autónomos con todos os servizos adaptados ás necesidades específicas deste colectivo.
A sesión, impartida por Thinkin’ Coaching en horario de mañá, presentará aos asistentes o coaching como un proceso creativo útil para o desenvolvemento das competencias persoais e profesionais, con especial atención á súa capacidade para potenciar as aptitudes e habilidades relacionadas co emprendimiento e a innovación.
O coaching é un proceso de axuda orientado á consecución de obxectivos que non consiste en que o coach transmita coñecementos ao participante, senón que, mediante o uso de competencias como a escoita activa e a pregunta, consiga provocar que este atope as súas propias solucións ―das que ata ese momento non era consciente―, en forma de accións para acadar o obxectivo que pretende. Neste caso, os obxectivos serán dous: emprender e innovar.
A sesión está fundamentalmente dirixida a directivos, emprendedores e persoas que están iniciando un novo proxecto empresarial ou desexan establecer novos plans de negocio nas súas organizacións.
O prazo de inscrición para a xornada está aberto e o rexistro pode realizarse enviando os datos de contacto a conferencias@thinkingcoaching.com.
Aínda que a sesión será totalmente gratuíta, os asistentes poderán colaborar voluntariamente cunha campaña de recollida de xoguetes para os nenos máis desfavorecidos, polo que se poderá entregar un xoguete a cambio da inscrición.
20 aniversario
A posta en marcha da sala de coworking de Tecnópole e a sesión de coaching especializado nos ámbitos do emprendimiento e a innovación terán lugar no marco da celebración do 20 aniversario da entidade.











